Despois do inferno de Riazor o Celta precisaba puntuar para crer nas súas posibilidades e reafirmarse como candidato á permanencia. Tras unha semana gris, na que as viguesas e vigueses comezábamos a esquecer o ceo azul, de súpeto, parou o diluvio universal e o Sol brillou sobre Balaídos. Un raio de esperanza alumbra ao celtismo.
A heroica chegou cando era unha necesidade. Comezou nas botas de Natxo Insa que fixo un Cristian Bustos. Gol exquisito do xogador alicantino tras unha xogada perfecta de toque (tiqui-taca Salinas!). Destellos do fútbol de salón. O Celta gustábase no campo e na grada. Espectacular ambiente, máis unha vez, nun estadio de primeira. A afección anima, ruxe, berra, suspira. Un corpo con máis de 30.000 corazóns e gorxas celestes dispostas a animar aos seus até o último suspiro. A alegría durou pouco e o Barça conqueriu a remontada. A grada empurrou unha e outra vez e os do campo responderon.
A heróica volveu a cinco minutos do final, a cinco minutos de rematar outra vez co eterno “por pouco”, “case”, “merecimos máis”. A afección ruxiu e chegou un deses momentos únicos onde todo desaparece e nada existe. O cabezazo infinito de Borja Oubiña. O eterno capitán colleu a capa celeste e voou. Desde a Madroa o xogador vigués despegou os pés da terra e pasou polos campos de lama, polos pases imposíbeis, pola Champions, pola UEFA, pola universidade, por Inglaterra, polas malditas lesións, por loitar contra o destino, polo imposíbel, polo inferno. Sen distraccións, sen escusas, sen hostias. Borja Oubiña voou e marcou un auténtico golazo que vale moito máis que un punto, un punto para seguir soñando. O noso amigo Pinto só puido contemplar a obra de arte do catro celeste. Podería dicir que foi o cabezazo da esperanza, da perseverancia, da fe. Porén, o xogador galego non marcou coa cabeza, deulle co corazón. Borja baixou do ceo e marcou co corazón.
As súas verbas ao remate do partido definen ao eterno capitán “hai que ir partido a partido”. Que grande eres Oubiña. #XuntosConseguirémolo. Contra todo, contra o fascismo, contra as provocacións continuas, contra a criminalización falaz, contra a demagoxia da caverna mediática. O celtismo responde co cabezazo infinito de Borja Oubiña.
O tourmalet rematou e o Celta sigue dependendo de si mesmo. Quedan nove finais.